cabecera cabra galega copia

Raza Cabra Galega - Asociación

A Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega (Capriga) foi constituída en setembro de 2010 como unha asociación sen ánimo de lucro, con catro socios fundadores. A partir dese momento foron ingresando nela numerosos gandeiros,

A todos eles os une a preocupación de recuperar esta raza e levala ao lugar que merece como patrimonio xenético, histórico e cultural da nosa comunidade, polo que traballan activamente na súa recuperación e conservación.

Capriga conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia como asociación responsable da xestión do Libro Xenealóxico da raza Cabra Galega e do desenvolvemento do seu Programa de mellora.

logos_100_cabra_galega

Estrutura administrativa

Capriga está formada por dous órganos de dirección e xestión, cada un deles cunhas funcións determinadas:

  • Asemblea xeral de socios: é o órgano de expresión da vontade da asociación e está formada por todos os membros da asociación.
  • Xunta directiva: é o órgano de goberno, xestión, administración e dirección da asociación. Está composta por un presidente, un vicepresidente, un secretario-tesoureiro e dous vogais. O secretario executa os acordos da xunta directiva e encárgase daquelas funcións que lle sexan delegadas expresamente pola xunta directiva ou pola asemblea xeral.

Poderán ser socios de Capriga todas aquelas persoas titulares ou cotitulares dunha explotación caprina posuidoras de polo menos un exemplar da raza Cabra Galega inscrito no Libro de Rexistro Xenealóxico.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy9ib2RldGVpeGVpcmEuanBn

Orixe da Ovella Galega

A Cabra Galega é a única raza autóctona caprina orixinaria de Galicia. A súa importancia radica na súa excepcional rusticidade e na elevada capacidade de adaptación ás zonas que ocupa, onde aproveita uns pastos que dificilmente poderían manter a outros animais.

O representante ancestral desta raza é a Capra aegagrus e máis concretamente a súa evolución no chamado tronco pirenaico, o que deu lugar a un gran número de razas caprinas en España que se estenderon polas zonas montañosas, sobre todo na zona norte da península. Non obstante, determinados caracteres étnicos da raza, como son os cornos de tipo Aegagrus nas femias e a presencia dos de tipo Prisca nos machos, fan pensar na influencia dun tronco antigo distinto.

A adaptación que experimentou a raza ás condicions especiais da orografía e a climatoloxia galegas déronlle as cualidades e características que nos atopamos nos tempos actuais.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy9wMjI0NDY0Ni5qcGc=

Os censos da raza Cabra Galega sufriron as maiores diminucións coincidindo coa redución da cabana caprina na nosa comunidade, que pasou de censos por riba dos 600.000 exemplares no século XVIII aos case 50.000 cos que conta na actualidade. Nese descenso continuo de censos, a Cabra Galega sufriu se cadra moito máis ao non existir un recoñecemento oficial nin unha asociación de criadores que traballara pola súa conservación.

A entrada doutras razas procedentes tanto doutras comunidades autónomas como de Portugal para substituír en moitos casos os sementais existentes nas explotacións e así evitar problemas de consaguinidade fixo que se reduciran os censos da raza ata a situación crítica coa que nos atopamos actualmente.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy9jYWJyYXMuanBn

Os rabaños de cabras en Galicia sempre estiveron ligados ás zonas de montaña, onde se explotaban en “veceiras” (rabaños comunitarios), normalmente de forma mixta xunto ao gando ovino. Tamén existían pequenos rabaños en zonas de menor altitude, xunto con gando bovino, que servían de produción complementaria.

As cabras ocupaban os terreos que non eran aproveitables por outras especies, atopándose os rabaños máis grandes nas zonas de alta montaña onde escaseaban os recursos. A explotación destes animais nas zonas de costa viuse moi mermada na época na que predominaron as utilizacións forestais do monte galego.

Cando se fixeron os traballos de prospección, os nucleos de exemplares da raza atopados correspondíanse coas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense e, máis concretamente, nos Ancares lucenses e na Baixa Limia.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy9fZHNjMDA5MS5qcGc=

Fins da federación

  • Integrar a todos os criadores da raza Cabra Galega interesados na súa conservación e mellora. A tal fin poderá concertar coa Administración auxilios técnicos, económicos, exencións e as bonificacións que procedan.
  • Protexer e promocionar estudos de aspectos da raza para a definición de criterios zootécnicos que se consideren convenientes e pedir á Administración a regulación daqueles que pola súa competencia lle correspondan.
  • Exercer o control xenealóxico dos animais da raza, creando un regulamento de inscrición e rexistro, con carácter provisional, e posteriormente definitivo se así se acordase coa Administración, así como executar cantas actividades e funcións lle foran confiadas por ditos organismos.
  • Organizar reunións científicas, culturais ou de promoción da raza e difundir a súa actuación a través das publicacións que se consideren máis adecuadas.
  • Colaborar coa Administración para a constitución, conservación e mantemento dun Banco de Xermoplasma.
  • Calquera outro fin que se considere necesario para os intereses dos seus asociados.