A Asociación de Criadores da Raza Bovina Frieiresa (Frieirega) foi constituída o 12 de marzo de 1999 no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense) con catro socios fundadores, todos do concello da Mezquita (Ourense). A partir dese momento fóronse integrando na asociación numerosos gandeiros, ata chegar aos 33 socios que ten na actualidade (ano 2012).
Os socios de Frieirega traballan día a día para levar a raza ao lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade.
Frieirega conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia como asociación responsable da xestión do Libro Xenealóxico da raza Frieiresa e do Programa de Conservación da raza.
A Frieiresa toma o seu nome da comarca das Frieiras, dentro dos concellos da Gudiña e A Mezquita, no sudeste da provincia de Ourense. A súa área xeográfica de orixe, que por diferentes motivos tivo poucas posibilidades de expansión ao longo do tempo, alcanza os concellos de Riós, A Gudiña, e Vilardevós e chega ata o Macizo Central. Así mesmo, constátase a presenza de animais da raza en aldeas colindantes a dita provincia galega situadas na provincia de Zamora.
Esta zona tiña unha alta densidade de razas bovinas: ao sur está a raza Mirandesa, ao norte, a Vianesa, ao este a Alistano-Sanabresa e, ao oeste, a Limiá e antigamente a Verinesa.
A súa orixe, segundo French et ál. (1969), deriva do gando ibérico. Sánchez Belda (1984) manifesta que esta raza é unha destacada rama do tronco cántabro, que localmente tiña unha gran preponderancia sobre outras razas locais coas que convivía. Este mesmo autor di que a Frieiresa se formou na Frieira e que de aquí se estendeu a outras zonas, polo que é ancestral doutras razas. Non obstante, estudos filoxenéticos recentes realizados con marcadores xenéticos relacionan a súa orixe co Bos primigenius estrepsiceros.
Debido á súa gran facilidade de manexo, noutrora foi moi utilizada para o traballo agrícola pero, co paso do tempo, ademais da mecanización, as reprodutoras sufriron indiscriminadamente numerosos cruzamentos con outras razas e hoxe en día é unha das bovinas galegas que menos censo ten, polo que a súa recuperación é máis dificultosa e lenta.
Hoxe en día a súa distribución atópase maioritariamente na provincia de Ourense, con algunhas explotacións nas outras provicias galegas.