cabecera caldela xurxo copia

A raza


Raza Caldelá - Asociación

A Asociación de Criadores da Raza Bovina Caldelá (Caldega) foi constituída o 12 de marzo de 1999 no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense) con catro socios fundadores. A partir dese momento fóronse integrando na asociación numerosos gandeiros, ata chegar aos máis de 50 criadores que ten na actualidade.

Os socios de Caldega traballan día a día para levar a raza ao lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade.

Caldega conta co recoñecemento oficial por parte da Conselleria do Medio Rural da Xunta de Galicia como asociación responsable da xestión do libro xenealóxico da raza Caldelá e do programa de conservación da mesma.

logos_100_caldela

Orixen

Os exemplares de Caldelá, considerados no seu momento como os mellor dotados para o traballo de toda Galicia debido ao seu temperamento tranquilo, son orixinarios da comarca que lle dá nome á raza, Caldelas, situada ao noroeste da provincia de Ourense e que constitúe ademais o centro da súa área xeográfica de dispersión.

Non obstante, tamén se atopaban exemplares nas áreas limítrofes da provincia de Lugo (serras do Courel e O Cebreiro), onde os máis vellos do lugar aínda lembran as viaxes ás feiras de Castro Caldelas na procura de bois caldelaos, –extraordinarios animais de tiro–, e incluso en zonas máis afastadas como Valdeorras e O Bierzo.

HISTORIA-CALDELA

A raza Caldelá, segundo Sánchez Belda (1984), provén do tronco Negro Ibérico. Outros autores, en cambio, considérana derivada das importacións de gando castelán en épocas históricas, afirmación baseada nos antecedentes existentes relativos ao reinado de Xosé Bonaparte, no que se fixeron achegas deste gando para reforzar os traballos de colonización. Autores actuais prefiren situala no tronco cántabro, xunto coas outras Morenas de Galicia, posto que o nacemento dos becerros de cor castaña os fai inclinar cara a esta afirmación.

Ao crearse o Centro de Selección de Ganado Bovino de Fontefiz no ano 1945 compráronse dous touros e dez femias da raza Caldelá, figurando estes animais entre as primeiras razas que aparecen nos rexistros do centro. A raza Caldelá mantense nel ata 1955, ano no que desaparece deses rexistros para despois reaparecer en 1980, cando foron comprados os primeiros animais para o Programa de Recuperación da raza.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy9jbDQuanBn

Fins da federación

  • Integrar a todos os criadores de raza Caldelá interesados na conservación e mellora da raza.
  • Representar, defender e promocionar os intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos criadores afiliados.
  • Exercer o control xenealóxico dos animais da raza.
  • Promocionar estudos de aspectos da raza para a definición de criterios zootécnicos que se consideren convenientes e pedirlle á Administración a regulación daqueles que pola súa competencia lle correspondan.
  • Organizar reunións científicas e de promoción da raza, así como a súa difusión a través de publicacións.
  • Colaborar coa Administración na constitución, conservación e mantemento do Banco de Xermoplasma.