cabecera VIANESA copia

Raza Vianesa - Asociación

A Asociación de Criadores da Raza Bovina Vianesa (Vianega) foi constituída o 12 de marzo de 1999 no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense) con catro socios fundadores. A partir dese momento fóronse integrando na asociación numerosos gandeiros, ata chegar aos 78 socios que ten na actualidade (ano 2012).

Os socios de Vianega traballan día a día para levar a raza ao lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade.

Vianega conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia como asociación responsable da xestión do Libro Xenealóxico da raza Vianesa e do Programa de Conservación da raza.

logos_100_vianesa

Orixe da Vianesa

A raza Vianesa é orixinaria da Terra do Bolo, comarca que se sitúa no oriente da provincia de Ourense, e esténdese cara aos montes do Inverndoiro e serra de Queixa en Chandrexa de Queixa, Manzaneda e A Pobra de Trives, chegando ata Vilar de Barrio, Montederramo e Maceda.

Noutro tempo en Viana do Bolo, da cal toma o seu nome, e mais en Celeiros e A Veiga, celebrábanse feiras nas que se comerciaban con xugadas de bois, que eran embarcados en ferrocarril dende Monforte de Lemos e A Rúa para seren exportados a outras rexións.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy9yYXphLXZpYW5lc2EuanBn

As condicións orográficas desta comarca, a máis montañosa da provincia de Ourense, dificultaron a mecanización agrícola e favoreceron os sistemas de explotación tradicionais necesitados de animais cunha forte adaptación ao medio, polo que a raza, moi valorada pola súa rusticidade e vigorosidade, gozou do mellor censo das Morenas Galegas. 

Pero a situación rematou a partir da segunda metade do século XX coa evolución industrial e agrícola e o posterior desenvolvemento das vías de comunicación. Os seus efectivos foron substituídos por maquinaria e por outras razas altamente especializadas para alcanzar maiores rendementos leiteiros e cárnicos, aínda que con maiores requirimentos para producilos.

ODAweDYwMC0tMC0wLXVwbG9hZHMvOS9nYWxsZXJ5dmlldy92aWdydXBvNS5qcGc=

Fins da asociación

  • Integrar a todos os criadores de raza Vianesa interesados na conservación e mellora da raza.
  • Representar, defender e promocionar os intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos criadores afiliados.
  • Exercer o control xenealóxico dos animais da raza.
  • Promocionar estudos de aspectos da raza para a definición de criterios zootécnicos que se consideren convenientes e pedirlle á Administración a regulación daqueles que pola súa competencia lle correspondan.
  • Organizar reunións científicas e de promoción da raza, así como a súa difusión a través de publicacións.
  • Colaborar coa Administración na constitución, conservación e mantemento do Banco de Xermoplasma.